Os nosos Froitos e as súas propiedades

Arandanoos

Os arandanos son un dos alimentos con máis alto contido de antioxidantes, cun alto contido de vitamina C, potasio e fibra.

Grosellas

Alivio contra posibles síndromes premenstruais, entre os cales se atopan as migrañas e os calambres menstruais.

Amorodos

A vitamina C, a vitamina E e o betacaroteno, antioxidantes por excelencia, atópanse altamente concentrados no amordo

Framboesas

É unha froita que achega unha cantidade destacable de fibra, que mellora o tránsito intestinal.

Moras

O consumo de moras aumenta as defensas fronte ó catarro e outras enfermidades infecciosas grazas ao seu contido en vitamina C.

O aproveitamento dos froitos silvestres

O cultivo de froitos silvestres constitúe unha oportunidade interesante para xerar emprego no agro, tanto como complemento dunha explotación xa existente coma a creación dunha nova. En calquera caso, o primordial é a fase previa á iniciación:

Debemos planificar uns obxectivos claros de cada etapa do proxecto, e sobre todo, temos que definir cal vai ser a estratexia de comercialización. Esta é a parte máis delicada polas seguintes razóns:

  • A dimensión da plantación. Se temos unha pequena superficie é inviable a produción intensiva e a venta a comercializadoras. Se se fai unha plantación extensiva, hai que ter en conta a man de obra que imos precisar así como as canles de comercialización, sobre todo nos meses de máxima produción.
  • A elección dos cultivos. Este apartado está directamente relacionado co anterior, pois se se trata dunha pequena explotación, é máis interesante ter produtos diversos para a comercialización local en pequenas tendas e restaurantes, mentres que a maior escala pode ser interesante centrarse nun ou dous cultivos. Do mesmo xeito, a elección varietal vai estar condicionada polo destino da froita. Si é para transformación, pode ser interesante un cultivo que concentre a produción nun corto espazo de tempo e, no caso contrario escoller variedades temperás e tardías para escalonar a recollida.
  • As características do produto. Trátase de froita moi delicada, o que dificulta o seu almacenamento, polo que se o destino é a venda en fresco, esta ten que ser o máis inmediata posible para que non perda as súas calidades. En todo caso, vai ser interesante ter unha cámara de conservación de tamaño acorde á cantidade de froita que esperemos recoller.
  • Non é un produto de demanda continuada nin xeralizada ao longo do ano. Esta tendencia está cambiando, pero polo de agora é un produto que aínda non se atopa en tódalas áreas comerciais.
  • Non abundan as canles de comercialización asentadas como no caso da venda de leite, carne, horta, ovos, etc.

Unha vez que os obxectivos están claros, hai que valorar o presuposto de inicio e o rendemento esperado, así como o período de adaptación ata chegar ao pleno funcionamento da explotación.

No tocante ao cultivo, as plantas de froitos silvestres son moi resistentes e a produción vai estar condicionada polo correcto coidado das plantas e a xusta aplicación de abonos e auga.

Plantación dos froitos silvestres

Haberá que ter en conta os seguintes pasos:

1º- Preparación do terreo. Se se trata dunha parcela abandonada haberá que aplicar un abonado de fondo e laborear o terreo para que a terra quede solta.

2º- Plantación. As arandeiras e groselleiros poden plantarse a 1-1,20 m. na liña, framboeseiras a 0,60-1 m. e moreiras a 1,20-1,50 m. A separación entre liñas pode variar en función de se queremos mecanizar o desherbado das rúas de paso, e deberá ser de 1,20 -2 m. mínimo se este é manual, ou de 2,50-3,50 metros para deixar paso a un tractor ou outro vehículo.

A aplicación de herbicidas como o glifosato debería estar completamente prohibida, ou polo menos, moito máis restrinxido o seu uso, pois as plantas van a absorber todo o que botemos no chan. É un veleno que pasa aos consumidores a través da froita, polo que os efectos negativos para a saúde non poden ser “controlados”, por moitos estudos que se fagan ao respecto.

Por outro lado, este produto nocivo escoa cara aos regatos e mananciais, sendo absorbido polas especies vexetais e animais presentes nese hábitat, pasando despois á cadea alimentaria. Este é un problema moi similar á aplicación indiscriminada de xurros e abonos de síntese en parcelas próximas a cauces fluviais.

Mantemento das plantacións

Unha vez rematada a plantación é interesante a colocación de goteiros para a rega e aplicación de abonos, salvo que sexa un terreo que se manteña húmido todo o ano e se decida o abonado de xeito manual.

No caso de arandeiras e groselleiros pode ser interesante a colocación de malla antiherbas ou aplicación de restos vexetais para frear a propagación da vexetación. Como as arandeiras prefiren solo ácido, na zona adicada ao seu cultivo non se encalará (salvo terreos forestais moi degradados) e ademais pódese aplicar casca de pino para o control das herbas. Para o resto das plantas é preferible utilizar outros restos vexetais como toxos, fentos ou herbas, pois non van a acidificar tanto o terreo.

Framboeseiras e moreiras non deben levar malla pois estas plantas están continuamente emitindo novos gromos e expandíndose polo solo. Poderán levar restos vexetais para o control da herba sempre que non sexa unha capa moi mesta que dificulte o agromado de novas guías. En todo caso, se a superficie plantada non é moi grande pódese realizar o desherbado manual o primeiro ano para conseguir que a planta ocupe todo o espazo de cultivo e se desenvolva correctamente.

Estes cultivos requiren de moita man de obra nos meses de verán pero non tanto durante o inverno, pois tan só teremos que ocuparnos do mantemento e poda de groselleiras e arandeiras e retirada de canas secas de framboeseiras e moreiras.

Consellos de poda

A poda de groselleiros e arandeiras é similar.

Buscarase que a planta teña entre 6 e 10 guías principais ben distribuídas. É interesante que estas guías vaian renovándose sen pasaren 4 anos, xa que despois baixa a súa produción. Polo tanto nunha planta equilibrada haberá guías de 2 e 3 anos en produción e algunha do ano repoñendo as vellas que xa se podaron.

As framboeseiras non se podan, senón que se extraen as canas que xa produciron e están secas. Aquí hai que ter en conta se son especies remontantes ou non; é dicir, se producen dúas colleitas ao ano ou unha. As remontantes producen na guía do primeiro ano, na parte apical a finais de verán, e no segundo ano ramifica o talo para producir en primavera. No caso das non remontantes, a planta produce en madeira de segundo ano.

As moreiras emiten renovos que poden frutificar na parte apical durante o seu primeiro ano. No segundo ano, esas guías ramifican lateralmente e volven dar froita nas polas novas. No terceiro ano, as polas que produciron o ano anterior volven ramificar lateralmente para dar outra colleita, sendo o 2º e 3º ano os de máxima produción. Estas guías acaban tendo un diámetro considerable e unha lonxitude de varios metros, polo que pode ser interesante a poda apical para que non cargue moito, pois a froita podería non madurar correctamente. Finalmente, esas guías secan ao 4º ano. Para optimizar a produción desta planta hai que manter o equilibrio entre as guías novas e vellas e retirar as que van morrendo.

Recollida da froita

Finalmente, é moi importante a correcta recollida destes froitos. Debe facerse nas horas de menos calor, a ser posible directamente no envase final e levalas o antes posible a unha cámara de conservación ou neveira para frear a súa degradación.